«Mulleres, proletarias e libertarias: a historia da outra Galiza obreira». Recensión – Nós Diario. «Mulleres Libertarias na Galiza 1891–1976».

Written by

·

Mulleres, proletarias e libertarias: a historia da outra Galiza obreira

A consideración subalterna das mulleres complicou ter unha visión real do seu papel e o protagonismo na historia do movemento obreiro e anarquista galego, unha eiva que repara en grande parte o traballo dos historiadores Eliseo Fernández e Dionísio Pereira Mulleres Libertarias na Galiza 1891–1976.

A historia das mulleres na Galiza ten sido obxecto de variadas investigacións nos últimos tempos. Con todo, fica aínda moito por avanzar nun panorama historiográfico traballado aínda maioritariamente por homes e agravado pola invisibilidade das mulleres nas fontes históricas, máis aínda se esas mulleres son proletarias, rebeldes e combativas. Mulleres Libertarias na Galiza 1891–1976, de Eliseo Fernández e Dionísio Pereira, con introdución de Carmen Blanco e publicada pola Editorial El Imperdible, é un traballo que vén para cubrir, en palabras de Eliseo Fernández a Nós Diario, unha «clamorosa ausencia» na historia galega, a «da historia das mulleres no movemento obreiro e no movemento libertario da Galiza». Unha afirmación que pon en valor o «protagonismo» das mulleres no mundo do traballo asalariado.

«O sindicalismo contouse como unha historia masculina, esquecendo a presenza do muller, que foi moi importante nalgúns sectores na Galiza», explica o coautor do libro. Este traballo rexistra como, de acordo co Censo de poboación de 1930 e deixando fóra o universo rural, onde existiu unha alta taxa de feminización nos labores agrogandeiros inducida pola forte emigración masculina do período 1830-1930, as máis de 82.000 mulleres traballadoras representaban entre 25% e 30% da poboación empregada na industria e os servizos, cun índice de actividade que superaba amplamente a media do Estado español.

O principal continxente representábano as operarias das máis de 150 fábricas de conserva e salga que funcionaban no litoral galaico a cabalo entre os anos 20 e 30 do século XX. Tamén era notoria a maioría feminina en sectores como o da Confección (modistas e costureiras), Téxtil, Tabaco e o Servizo Doméstico, figurando un bo número de mulleres noutras actividades vinculadas á Alimentación, Transporte (carga e descarga nos portos, por exemplo) e actividades auxiliares da pesca en terra. É nesa realidade onde as mulleres empezan a ter unha presenza e protagonismo cada vez maior no movemento obreiro. Malia a importancia da muller no mundo laboral, a preocupación dos anarquistas galegos pola súa formación sindical ou ideolóxica foi secundaria na súa traxectoria primixenia, lembran os autores. Eliseo Fernández sitúa a década dos 10 do século pasado como un punto de inflexión para a muller no sindicalismo libertario. «É a década das folgas e protestas ante a carestía de produtos de primeira necesidade e protagonízanas as mulleres», sinala, «até o punto de que na Coruña hai unha manifestación da que chegan a botar fóra os homes ao berro de «Aquí mandamos nós».

A fin da I Guerra Mundial, a Revolución Rusa… todo conflúe para favorecer un «relanzamento» das sociedades obreiras femininas. Coa proclamación da II República española (1931-1936) hai unha expansión xeral do movemento obreiro, tamén do feminino e en clave anarquista. Até entón na Galiza a incorporación da muller aos postos directivos dos sindicatos ou ás actividades dos grupos libertarios fora minoritaria. «Se atendemos á intervención dos sindicatos con maioría de afiliación feminina na conflitividade laboral acontecida a partir do 14 de Abril [data de proclamación da II República], rexistramos a súa participación cando menos en 60 folgas ou boicots», recóllese no libro. Segundo cálculos dos propios autores baseadas en estimacións recollidas da prensa confederal, «en torno a 6.000 mulleres estarían integradas na CRG [Confederación Rexional Galaica da CNT] na primavera-verán de 1936», co foco principal de filiación na cidade da Coruña mais con presenza importante en non poucas localidades, de Celeiro a Cangas. As mulleres incorporáronse de maneira importante a un movemento sindical «non exento de certo machismo, tamén na CNT, no que os homes céntranse no traballo masculino e consideraban o feminino en certa medida como algo secundario», critica Fernández, «hai unha loita de sexos tamén no sindicato», apunta.

Para este historiador, a incorporación da muller ao movemento anarquista galego «completou» un movemento que estaba «incompleto» sen elas, «pois non se podía estar falando de que se quería transformar a realidade, de que hai que ir cara a unha sociedade distinta, sen que nese compromiso estean presentes as mulleres». Pola súa parte, engade, o movemento libertario «deu á muller as ferramentas para iniciar o seu propio camiño» e «abriu a porta a outras reivindicacións» e avances, non só as laborais. Aí entra a «cultura libertaria». «O anarquismo converteuse nun movemento social con predominio do mundo laboral, mais con influencia na vida cultural e educativa, na sexualidade, o deporte, a arte e o lecer, en xeral, dun numeroso grupo de persoas», afírmase en Mulleres Libertarias na Galiza 1891–1976.

Mais tamén aquí «eran homes os que maioritariamente levaban o liderado das iniciativas» e as mulleres deberon ir conquistando o seu propio espazo e protagonismo, cun custo social moito máis alto que para os homes. Pon Eliseo Fernández un exemplo: «Casar á marxe da igrexa tiña para elas un custo social moito maior que para eles».

114 cadros femininos anarquistas represaliados

O lento e dificultoso camiño da participación das mulleres no anarquismo galego e a creación das súas propias organizacións, frustrouse de vez co golpe militar de xullo de 1936. O novo réxime de ditadura militar que tiña na Igrexa Católica un dos seus soportes, «abriu a porta a un castigo desapiadado sobre as mulleres que actuaran socialmente no período republicano e carrexou un tráxico retroceso nos dereitos tan custosamente adquiridos». O traballo de Dionisio Pereira e Eliseo Fernández apunta que «dun mínimo de 950 cadros cenetistas e anarquistas represaliados de distintas maneiras no tempo da Guerra Civil, cando menos 114 eran mulleres».

Mais esta cifra hai que collela con cautela, avisan, porque «as represalias específicas de xénero que padeceron moitas mulleres non foron recollidas» nin documentadas. «Porque a represión contra as mulleres foi dupla: padeceron a mesma que os homes cos que compartiron o seu compromiso político e social, mais tamén deberon aturar un castigo propio, de xénero, que ficou sepultado malia a súa intensidade». Unha represión que non foi quen de dobregar as militantes anarquistas que se sumarían á loita contra o franquismo, colaborando coas guerrillas que se organizaron nos montes galegos.

Xesús M. Piñeiro

Extraído del Nós Diario: https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/mulleres-proletarias-libertarias-historia-da-outra-galiza-obreira/20260515081337256310.html

* * *

«Mulleres Libertarias na Galiza 1891 – 1976». Eliseo Fernández. Dionísio Pereira. Introducción de Carmen Blanco.

Resulta difícil ter unha visión real da situación e o protagonismo das mulleres galegas na nosa historia contemporánea. A consideración subalterna das mulleres non casa, non obstante, co protagonismo asumido pola muller na nosa historia. O feito ten pasado case desapercibido na historiografía galega ate de agora, pero por iso non é menos relevante a notoria presencia da muller no mundo do traballo na Galiza contemporánea.

As especiais condicións nas que se desenvolvía a muller traballadora non favorecían a súa integración e participación co resto do obreirismo organizado. Aínda así cumpre sinalar o feito de que a participación da muller na conflitividade obreira tomou as súas formas propias e levou os seus ritmos, non sempre coincidentes cos dos homes, nin tampouco por iso menos relevantes.

A represión padecida polas mulleres a conta do seu compromiso social ficou agachada porque as represalias específicas de xénero non foron recollidas, debido ás súas características vinculadas á exclusión social, nin polos xornais nin polos documentos de arquivo; aínda máis, as mesmas vítimas ou as súas familias as agacharon polo estigma de humillación e vergoña que levaron de seu.

* * *

Xa na rúa. Se queres mercar unha copia: https://editorialimperdible.com/2026/04/28/nueva-edicion-mulleres-libertarias-na-galiza-1891-1976-eliseo-fernandez-dionisio-pereira-introduccion-de-carmen-blanco/