
A República feminista e o anarquismo toman a palabra nas Xornadas de Memoria en Celanova
As xornadas celébrase os días 27 e 28 de xuño no Auditorio Municipal Ilduara co patrocinio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e inclúen a inauguración, o domingo pola mañá, da exposición Presas e Mestras.
As III Xornadas Memoria e Muller. Lembranza de María Cabaco, que se celebrarán os días 27 e 28 de xuño no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, co patrocinio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, contarán con Lola Varela, profesora e investigadora, implicada no movemento feminista desde os anos setenta, que ten investigado a represión exercida polo franquismo contra as mulleres e nesta edición abrirá as palestras cunha conferencia sobre as conquistas das mulleres durante a II República: os avances que o golpe de Estado de 1936 truncou de raíz para as mulleres galegas e do conxunto do Estado.
Tamara López Fernández, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e membro do grupo HISTAGRA, tratará na súa conferencia sobre a represión de xénero durante a ditadura. Tamara López é autora de traballos como Violencia sexual, violencia institucional: as agresións e abusos sexuais a través da xustiza ordinaria no franquismo e Fuera de toda moral: la prostitución en tiempos de Franco, entre outros.
Xunto a Lola e Tamara, as palestras da mañá completaraas Domingo Rodríguez Teijeiro, profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo, e un dos principais expertos no sistema carcerario franquista.
Presentación de “Mulleres Libertarias na Galiza, 1981-1976”. A continuación terá lugar a presentación do ensaio Mulleres Libertarias na Galiza (1891-1976) (Editorial Imperdible), de Dionísio Pereira e Eliseo Fernández, que levan máis de dúas décadas investigando o movemento libertario galego. Xuntos publicaron, entre outras obras, O anarquismo na Galiza (Edicións Positivas, 2004) e O movemento libertario en Galiza (1936-1976) (A Nosa Terra, 2006).
No seu último ensaio, con prólogo de Carmen Blanco, amplían e revisan os traballos sobre a participación das mulleres no movemento obreiro e anarquista galego, desde os seus inicios até a transición, e a brutal represión que sufriron tras o golpe de 1936: de entre un mínimo de 950 cadros cenetistas e anarquistas represaliados, cando menos 110 eran mulleres.
* * *
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova (https://memoriacelanova.fala.gal/) informa da próxima presentación en Celanova dos ensaios «𝐌𝐮𝐥𝐥𝐞𝐫𝐞𝐬 𝐥𝐢𝐛𝐞𝐫𝐭𝐚𝐫𝐢𝐚𝐬 𝐧𝐚 𝐆𝐚𝐥𝐢𝐳𝐚 (𝟏𝟖𝟗𝟏-𝟏𝟗𝟕𝟔)« e «𝐌𝐚𝐫𝛊́𝐚 𝐕𝐚́𝐳𝐪𝐮𝐞𝐳, 𝐚 𝐦𝐞𝐬𝐭𝐫𝐚 𝐬𝐨𝐜𝐢𝐚𝐥𝐢𝐬𝐭𝐚 𝐞𝐥𝐢𝐦𝐢𝐧𝐚𝐝𝐚 𝐩𝐨𝐥𝐨 𝐟𝐫𝐚𝐧𝐪𝐮𝐢𝐬𝐦𝐨« dentro da programación das III Xornadas Memoria e Muller. Lembranza de María Cabaco, que se desenvolverán no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova os días 27 e 28 de xuño.
O sábado 27, dentro da programación de mañá, 𝐄𝐥𝐢𝐬𝐞𝐨 𝐅𝐞𝐫𝐧𝐚́𝐧𝐝𝐞𝐳 e 𝐃𝐢𝐨𝐧𝛊́𝐬𝐢𝐨 𝐏𝐞𝐫𝐞𝐢𝐫𝐚 presentarán o seu ensaio sobre as libertarias, resultado dunha revisión e ampliación de traballos anteriores que vén de publicar a Editorial Imperdible cun prólogo de Carmen Blanco.
O domingo pola mañá, no peche das xornadas, 𝐀𝐮𝐫𝐨𝐫𝐚 𝐌𝐚𝐫𝐜𝐨 presentará a biografía, editada por Alvarellos Editora, da mestra de Pontedeume María Vázquez Suárez, fusilada polos fascistas o 19 de agosto de 1936.
A continuación, podedes ler dous estractos de dúas recesións sobre estas obras e consultar as ligazóns aos artigos completos.
“Os historiadores Eliseo Fernández e Dionísio Pereira presentaban no II Congreso de Memoria Histórica (Culleredo 2005) o traballo Mulleres Libertarias na Galiza (1931-1939), un dos primeiros traballos da historiografía galega con perspectiva de xénero. Ao ano seguinte, publicaban «Unha achega á represión franquista contra as mulleres libertarias na Galiza» no nº11 da revista Unión Libre. Agora, 20 anos despois están a rematar una edición revisada e ampliada dos devanditos traballos. (…) Din os autores que dun mínimo de 950 cadros cenetistas e anarquistas que sufriron distintas maneiras de represión no tempo da Guerra Civil, cando menos 110 eran mulleres. Porén, as cifras sobre a represión da muller son enganosas, e non só porque ate hai pouco a muller pasara desapercibida para a historiografía, mais tamén, en boa medida, porque as represalias específi cas de xénero non foron recollidas nin polos xornais nin polos documentos de arquivo; aínda máis, as mesmas vítimas ou as súas familias as agacharon polo estigma de humillación e vergoña.
Ademais de ter sido represaliadas polo seu compromiso político e social, recibiron un castigo propio, o de xénero. Un magoado exemplo disto foi o acontecido a Ascensión Molares, a compañeira do sindicalista mariñeiro de Moaña José Paz Pena, espoliada «á brava» das súas poucas pertenzas, mallada, rapada, exhibida na rúa, violada por anos…, tal e como o relataba 86 anos despois con dor e rabia a súa bisneta Antía Paz, nun artigo publicado na revista Luzes.”
* * *
Lola Varela: «Unha ollada á represión de xénero. As mulleres libertarias», Lola Varela (Nós Diario). Eliseo Fernández e Dionísio Pereira no II Congreso de Memoria Histórica «Mulleres Libertarias na Galiza (1931-1939)»: https://editorialimperdible.com/2026/05/08/unha-ollada-a-represion-de-xenero-as-mulleres-libertarias-lola-varela-nos-diario-eliseo-fernandez-e-dionisio-pereira-no-ii-congreso-de-memoria-historica-mulleres-libertarias-na-gali/
* * *
O 19 de agosto de 1936 a mestra María Vázquez Suárez foi fusilada. Fora detida na Coruña poucas semanas despois do Golpe de Estado do 18 de xullo, acusada de defender a escola laica, e despois de ser encarcerada en Pontedeume, foi executada, sendo -xunto con Mercedes Romero Abella- unha das dúas mestras galegas asasinadas neses primeiros momentos de represión. En 1933 afiliárase á FETE-UGT e en 1935 ocupou o cargo de vicetesoureira na Coruña.
Agora Aurora Marco, que xa a incorporara ao Dicionario de Mulleres Galegas, vén de publicar María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo (Alvarellos), un ensaio que percorre a súa vida e detalla a súa detención e morte, incluíndo ademais o “lamentable” expediente de depuración, aberto catro anos despois do seu asasinato. (…) A comisión depuradora provincial propuxo a súa separación definitiva do ensino, que as autoridades centrais fixeron pública case seis anos despois do asasinato. “Era tan mala, irrascible [sic] y roja, que hubieron de fusilarla en los primeros momentos los nacionales, por el peligro que constituía”, di o seu expediente de depuración, recollido na entrada da web A Coruña das Mulleresda A.C. Alexandre Bóveda.”
Marcos Pérez Pena: María Vázquez Suárez, a mestra socialista que o franquismo asasinou: https://praza.gal/acontece/maria-vazquez-suarez-a-mestra-socialista-que-o-franquismo-asasinou
* * *
LEMBRANZA DE MARÍA RODRÍGUEZ CABACO.
María Otilia Rodríguez Mosquera, María Cabaco (1978-2026), foi fundadora e primeira vicepresidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e unha das almas que deron vida ás xornadas de memoria e muller que esta asociación empezou a programar en marzo de 2024.
Honrar a súa memoria é o desexo de manter viva a chama que ela mesma acendeu. María Cabaco imaxinou pontes onde había muros, e traballou sen descanso para tendelas. Grazas ao seu compromiso, estas xornadas foron o primeiro paso cara a unha colaboración normalizada co Concello de Celanova e coas institucións, un camiño que hoxe seguimos andando con ela presente en cada paso.
O Comité leva o seu nome e o seu recordo no corazón destas xornadas.
* * *
PROGRAMA:
𝐒𝐚́𝐛𝐚𝐝𝐨, 𝟐𝟕 𝐝𝐞 𝐱𝐮𝐧̃𝐨 𝐝𝐞 𝟐𝟎𝟐𝟔
◼️ 10.30 horas. Presentación das xornadas.
◼️ 10.45 horas. Palestras.
▪️ Lola Varela: As conquistas das mulleres na II República.
▪️ Domingo R. Teijeiro: Cárceres e presas durante a guerra e a posguerra.
▪️ Tamara López: Violencias sobre as mulleres no franquismo.
◼️ 13.00 horas. Presentación do ensaio “Libertarias na Galiza 1891-1976”.
▪️ Eliseo Fernández e Dionísio Pereira, autores.
◼️ 16.15 horas. Mesa redonda. Falan as familias das represaliadas.
▪️ Modera: Rosa Cid Galante, historiadora.
▪️ Con familiares de presas e mestras represaliadas.
𝐃𝐨𝐦𝐢𝐧𝐠𝐨, 𝟐𝟖 𝐝𝐞 𝐱𝐮𝐧̃𝐨 𝐝𝐞 𝟐𝟎𝟐𝟔
◼️ 11.00 horas. Presentación do ensaio «María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo».
▪️ Aurora Marco, autora.
◼️ 12.30 horas. Inauguración da exposición “PRESAS e MESTRAS. A represión das mulleres na comarca de Celanova”.
* * *
Durante estes días iremos dando a coñecer o resto do programa das xornadas: https://memoriacelanova.fala.gal/.
