«Unha ollada á represión de xénero. As mulleres libertarias», Lola Varela (Nós Diario). Eliseo Fernández e Dionísio Pereira no II Congreso de Memoria Histórica «Mulleres Libertarias na Galiza (1931-1939)».

Written by

·

Unha ollada á represión de xénero. As mulleres libertarias

Os historiadores Eliseo Fernández e Dionísio Pereira presentaban no II Congreso de Memoria Histórica (Culleredo 2005) o traballo Mulleres Libertarias na Galiza (1931-1939), un dos primeiros traballos da historiografía galega con perspectiva de xénero. Ao ano seguinte, publicaban «Unha achega á represión franquista contra as mulleres libertarias na Galiza» no nº11 da revista Unión Libre. Agora, 20 anos despois están a rematar una edición revisada e ampliada dos devanditos traballos.

Velaí un avance desta próxima publicación. Din os autores que dun mínimo de 950 cadros cenetistas e anarquistas que sufriron distintas maneiras de represión no tempo da Guerra Civil, cando menos 110 eran mulleres. Porén, as cifras sobre a represión da muller son enganosas, e non só porque ate hai pouco a muller pasara desapercibida para a historiografía, mais tamén, en boa medida, porque as represalias específi cas de xénero non foron recollidas nin polos xornais nin polos documentos de arquivo; aínda máis, as mesmas vítimas ou as súas familias as agacharon polo estigma de humillación e vergoña. Ademais de ter sido represaliadas polo seu compromiso político e social, recibiron un castigo propio, o de xénero. Un magoado exemplo disto foi o acontecido a Ascensión Molares, a compañeira do sindicalista mariñeiro de Moaña José Paz Pena, espoliada «á brava» das súas poucas pertenzas, mallada, rapada, exhibida na rúa, violada por anos…, tal e como o relataba 86 anos despois con dor e rabia a súa bisneta Antía Paz, nun artigo publicado na revista Luzes.

Solidarias na resistencia

As cifras, xa que logo, apenas son reveladoras do padecemento e da aldraxe que tiveron que soportar moitas mulleres. Daquela, falan as súas historias, como a de Manuela Abuín, muller do dirixente do Sindicato de Estibadores cenetista de Carril, Antonio Meaños que, tras o seu asasinato, toleou e foi internada en Conxo, onde morreu. E non sería un caso illado, segundo nos relata Montse Fajardo en Rotas. As mulleres que o franquismo agochou en Compostela (2024).

No período republicano, a presenza das mulleres facíase sentir na vida cotiá e nas asociacións operarias, e no seu dereito a decidir como e con quen desexaban compartir a súa vida. Fronte a isto, o franquismo procurou, co decisivo apoio da Igrexa Católica, aniquilar esa nova feminidade emancipadora, que nas mulleres e mozas libertarias materializouse no grupo «Vanguardia Femenina» da FAI coruñesa, nas «Juventudes Libertarias», ou na creación xa no devalo da República de «Mujeres Libres».

Un breve perfi l da muller libertaria represaliada sería: traballadora do sector servizos ou obreira, menor de 35 anos, residente en zonas urbanas da beiramar nas provincias de A Coruña e Pontevedra, presa por decisión xudicial ou pola autoridade gobernativa debido ao seu pasado activismo societario ou á súa participación nas redes de apoio á resistencia antifranquista.

Acompañando ao seu compromiso sindical ou social previo ao golpe militar, as mulleres aturaron persecucións maiormente polas súas arriscadas actividades solidarias desenvolvidas en plena contenda, actuando na clandestinidade con gran valentía, tal e como nos conta, no caso de A Coruña, Carmen Blanco en Casas Anarquistas de Mulleres Libertarias (2007): «As mulleres constituíron unha rede de casas de acollida e outra de distribución de alimento, lavado de roupa e recadación de cartos para os compañeiros agachados e presos».

Penalidades

Nesa angueira, e no transcurso dun salvaxe asalto dos falanxistas a dúas casas do barrio popular das Atochas, atoparon a morte en xullo de 1937 Alicia Dorado e María Otero. Tamén foron asasinadas por estes arriscados cometidos Mª Josefa Becerra en Lousame e as veciñas de Carril Josefa Barreiro e Pilar Fernández, todas elas nuns arrepiantes episodios.

A maiores, outras mulleres participaron de maneira destacada como enlaces ou como responsables de agachar e manter os perseguidos nos seus propios domicilios, nas fugas por mar alentadas na contorna herculina polo Sindicato de Industria Pesquera «El Despertar Marítimo». Unha delas, a empacadora Basilisa Álvarez ‘A Corales’, aturou moitas penalidades e anos de cadea polo seu labor arriscado e xeneroso. Relacionada tamén coas actividades resistentes sabemos de Francisca López, unha veterana tecedora sindicalista que foi represaliada por levar a cabo sabotaxes na militarizada fábrica La Primera Coruñesa.

Ao cabo, naqueles días de ferro, a represión de xénero e a rapina económica, que decote van xuntas, situaron a moitas mulleres na exclusión e na miseria, en ausencia dos seus compañeiros de vida.

*

Lola Varela.
Profesora experta en coeducación.

Nós Diario nº 1.329. 19 febreiro 2025, páx. 6.

* * *

«Mulleres Libertarias na Galiza 1891 – 1976». Eliseo Fernández. Dionísio Pereira. Introducción de Carmen Blanco.

Resulta difícil ter unha visión real da situación e o protagonismo das mulleres galegas na nosa historia contemporánea. A consideración subalterna das mulleres non casa, non obstante, co protagonismo asumido pola muller na nosa historia. O feito ten pasado case desapercibido na historiografía galega ate de agora, pero por iso non é menos relevante a notoria presencia da muller no mundo do traballo na Galiza contemporánea.

As especiais condicións nas que se desenvolvía a muller traballadora non favorecían a súa integración e participación co resto do obreirismo organizado. Aínda así cumpre sinalar o feito de que a participación da muller na conflitividade obreira tomou as súas formas propias e levou os seus ritmos, non sempre coincidentes cos dos homes, nin tampouco por iso menos relevantes.

A represión padecida polas mulleres a conta do seu compromiso social ficou agachada porque as represalias específicas de xénero non foron recollidas, debido ás súas características vinculadas á exclusión social, nin polos xornais nin polos documentos de arquivo; aínda máis, as mesmas vítimas ou as súas familias as agacharon polo estigma de humillación e vergoña que levaron de seu.

* * *

Xa na rúa. Se queres mercar unha copia: https://editorialimperdible.com/2026/04/28/nueva-edicion-mulleres-libertarias-na-galiza-1891-1976-eliseo-fernandez-dionisio-pereira-introduccion-de-carmen-blanco/